O Plan de Fomento do Hockey 2026, impulsado pola Federación Galega de Hockey e patrocinado pola Deputación de Ourense dentro do programa de fomento do deporte base, deu comezo esta semana coas primeiras xornadas en centros educativos da provincia.
A actividade iniciouse no CEIP Benchoshey (Pereiro de Aguiar), primeiro centro en participar nesta edición, onde o alumnado puido gozar dunha xornada de iniciación ao hockey, combinando aprendizaxe, actividade física e diversión.
Durante esta primeira fase, que se desenvolverá ao longo de todo o mes de abril, participarán máis de 15 centros educativos e arredor de 2.000 nenos e nenas de 1º a 6º de Educación Primaria. Técnicos e monitores da Federación Galega de Hockey desprazaranse aos colexios para impartir sesións dinámicas de iniciación, achegando este deporte á comunidade escolar.
O programa continuará no mes de maio coa celebración de eventos comarcais, nos que diferentes centros compartirán unha xornada de convivencia e práctica deportiva.
Como peche, no mes de xuño celebrarase un gran evento final, reunindo a todos os centros participantes nunha xornada lúdica que servirá como colofón a tres meses de actividade.
En total, esta edición contará coa participación de máis de 2.000 escolares, 15 centros educativos e 6 concellos, consolidando un proxecto que xa foi un éxito na pasada edición.
Dende a organización destácase a importancia desta iniciativa para fomentar hábitos de vida saudables, promover o deporte base e dar a coñecer o hockey entre os máis novos.
Toda a información, novidades, calendario e galerías de fotos poderanse seguir a través da web oficial da Federación Galega de Hockey:
https://www.fghockey.gal/








