Este luns comezou no Campo de Hóckey de Mariñamansa (Ourense) o Campus de Tecnificación Ourense 2025, unha iniciativa organizada pola Federación Galega de Hóckey en colaboración coa empresa internacional Hóckey Management, que reúne durante esta semana a xogadores e xogadoras chegados de distintos puntos de Galicia.
O campus, que se desenvolverá do 28 ao 31 de xullo, está dirixido a deportistas con experiencia previa en hóckey herba, e ten como obxectivo ofrecer unha formación técnica de alto nivel, intensiva e personalizada. As sesións están a cargo de Cristian González, adestrador internacional de Hóckey Management, que aplica unha metodoloxía avanzada centrada na mellora real do rendemento individual.
Durante as mañás, os participantes traballan en grupos reducidos e organizados por niveis, enfocándose en aspectos clave do xogo como as técnicas de condución 3D, flicks, arrastres, golpeos, toma de decisións e control técnico.
A actividade desenvólvese cada día entre as 09:00 e as 13:30 horas, e finalizará o xoves 31 de xullo.
Este campus supón unha clara aposta da Federación Galega de Hóckey por seguir impulsando o talento deportivo en Galicia mediante propostas formativas de calidade, orientadas á tecnificación e o desenvolvemento individual dos xogadores.

