Presentación do Campionato Galego no Concello da Coruña

A Coruña, 12 de xaneiro de 2021.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou esta mañá o Campionato Galego de Hóckey Sala na modalidade Senior Absoluta Masculina, que terá lugar esta fin de semana no Pazo dos Deportes de Riazor e no pavillón de Novo Mesoiro.

Logo de que na tempada pasada os equipos ourensanos quedaran arriba na clasificación co Club Hóckey Barrocás como gañador, nesta edición serán cinco equipos de Ourense –CH Barrocás, CH Albor Senior, CH Barrocás Caldaria, Gimnástico Cudeiro e Santiago Apóstol- os que se enfrontarán aos coruñeses Escola HC e Atlético Coruña e mais ao Atlántico de Vigo.

A edila destacou que por primeira vez A Coruña acollerá esta cita nun acto de presentación en que tamén participaron a delegada da Coruña da Federación Galega de Hóckey, Yolanda Casanova, e o responsable da promoción, Roberto Baratta. Ambos os responsables sinalaron que esta especialidade ten moito impacto en Galicia xa que a súa práctica non depende das condicións meteorolóxicas: “Esta entrega será a que contará con máis aspirantes en anos”, indicou Baratta.

Repartidos en dous grupos, os clubs xogarán o sábado até doce encontros dos que sairá unha clasificación previa para protagonizaren o domingo a final do campionato nunha xornada que comezará ás 09.00 horas. Deste xeito, os peor puntuados loitarán a esa hora polo sétimo posto, mentres que o quinto e o sexto lugar estarán en xogo nun segundo partido ás 10.15 horas.

Un terceiro choque despexará o “bronce” dun podium do que se saberá os equipos que ocuparán as posicións máis altas despois do último dos encontros, fixado para as 13.00 horas.

A clasificación confórmana sete clubs senior inscritos e o mellor filial que, neste caso, é o Barrocás Caldaria de Ourense. O campión galego pasará directamente a disputar o campionato nacional, que se celebrará do 5 ao 7 de febreiro en Ourense. O segundo xogará no sector de Santander e o terceiro formará parte do Sector de Cádiz.

Publicado en Noticias.