Visita institucional a Ourense da RFEH

Os días 1 e 2 de outubro estiveron en Ourense José Antonio Gil “Gilo”, Secretario xeral da Real Federación Española de Hóckey e Max Caldas, novo seleccionador da selección española absoluta de hóckey herba. A visita foi coordinada pola Federación Galega de Hóckey, que exerceu de anfitrión nas diferentes accións realizadas.

Actualmente estanse a rematar as obras de remodelación do campo de hóckey herba de Mariñamansa (Ourense), que contará cunha nova superficie de xogo, de última xeración e certificación FIH (Federación Internacional de Hóckey). Estas instalacións recibirán á Selección absoluta masculina de hóckey herba, nun “Stage” que terá lugar do 28 ao 31 de outubro.

Este evento é moi importante xa que supón a estrea do novo seleccionador Max Caldas e o comezo dun novo ciclo olímpico, denominado “Road to Paris”, para a clasificación e preparación do combinado nacional para as próximas olimpíadas Paris 2024. Durante 4 días, os mellores xogadores en categoría absoluta e Sub-21 estarán en Ourense, realizando adestramentos, partidos e diferentes actos institucionais.

Outra das xornadas de traballo centrouse no Pazo dos Deportes, que será sede do Campionato de Europa de seleccións femininas de hóckey sala, en xaneiro de 2022, coa participación do combinado nacional xunto a outras 7 seleccións europeas. Para este torneo cóntase cunha pista sintética tamén con certificación internacional, que xa foi utilizada este ano no Campionato de España masculino de hóckey sala.

¡¡GALICIA É HÓCKEY!!

Publicado en Noticias.