A Federación Europea de Hóckey ven de anunciar a designación das sedes dos Campionatos de Europa de Hóckey Sala 2022, recibindo a Federación Galega a mellor das noticias: a designación de Ourense como Sede do Campionato de Europa de Seleccións Femininas, a celebrar do 21 ao 23 de Xaneiro de 2022.
Non por esperada deixa de ser relevante a designación do Pazo dos Deportes como sede deste evento de máximo nivel, que traerá á cidade ás seleccións de Bélxica, Croacia, Irlanda, Lituania, Polonia, Escocia, Suíza e por suposto España como anfitrioa.
Esta candidatura foi presentada pola Federación Galega de Hóckey dentro da súa planificación 2020-2022 en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense e o apoio da Real Federación Española de Hóckey. A proposta do Pazo dos Deportes como instalación de máximo nivel foi unha das claves da designación, así como o arraigamento do hóckey sala na cidade.
Previamente, o Pazo dos Deportes albergará en febreiro do 2021 a Fase Final do Campionato de España masculinode clubs, magnífica oportunidade para demostrar e afinar as capacidades organizativas de fronte ao compromiso Europeo.