Inicio das Xornadas Comarcais do Plan Fomento Hockey (Ribadavia)

Este venres 9 de maio tivo lugar en Ribadavia o comezo oficial das Xornadas Comarcais do Plan Fomento Hockey Deputación de Ourense, unha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Hockey co apoio da Deputación Provincial.

A xornada desenvolveuse nas instalacións do CEIP Plurilingüe de Ribadavia e contou coa participación de máis de 200 alumnos e alumnas de 1º a 6º de primaria. Durante toda a mañá, o alumnado puido gozar de actividades de iniciación ao hockey , combinando xogos, dinámicas por estacións, partidos e pequenas charlas educativas sobre o deporte.

O obxectivo principal destas xornadas é achegar o hockey aos centros educativos da provincia, promovendo valores como a convivencia, o xogo limpo, a actividade física e o traballo en equipo a través dunha disciplina pouco coñecida pero con gran potencial.

Desde a Federación Galega de Hockey agradecemos especialmente a colaboración do CEIP Plurilingüe de Ribadavia, pola súa disposición e participación, e á Deputación de Ourense, cuxo apoio fai posible este proxecto.

📅 As xornadas comarcais continuarán nas seguintes datas:

  • 22 de maio – Expourense (no marco do evento SPORTUR)

  • 30 de maio – A Rúa

  • 13 de xuño – Gran evento final en Mariñamansa (Ourense)

Seguimos traballando para que o hockey chegue a máis centros e máis nenos e nenas de toda a provincia.

Publicado en Noticias.