O C.H. Santo Domingo de Padrón celebrou o seu 50 Aniversario

Fundado en 1.973 é o segundo clube máis antigo de Galicia

O Clube de Hóckey Santo Domingo de Padrón celebrou a pasada fin de semana o seu 50 aniversario, cun un partido amigable no campo da Baiuca no que participaron «Vellas Glorias» contra «Resto do Mundo» e unha comida de confraternización, na que Yolanda Casanova, delegada da Federación Galega na Coruña, fixo entrega ao clube dunha placa conmemorativa polo aniversario.

O segundo clube de hóckey máis antigo de Galicia, fundado en novembro de 1973 por unha directiva presidida daquelas por Jesús Fráiz, comezou cun grupo de mozos padroneses xogando nunha nave do serradoiro Tato, aos que se uniron outros que entraron en contacto co deporte ao iniciar os seus estudos na USC.

Nos seus inicios, empregaban sticks de madeira feitos por eles mesmos, ata que os dominicos do Carmen autorizáronlles a empregar as súas instalacións, adquiriron paus oficiais e afiliáronse á Federación Galega para empezar a competir a nivel provincial. Os éxitos non tardaron en chegar e o clube entrou en competicións e torneos de maior rango, mesmo internacionais. Aos poucos abriuse un oco na elite nacional e hoxe está plenamente asentado no deporte padronés, grazas en boa medida ás súas categorías basee, tal e como destacou o Concello de Padrón na súa felicitación ao clube polo seu aniversario.

Publicado en Noticias.