O pasado domingo 3 de decembro, no Polideportivo Municipal de Amoeiro, celebrouse o Campionato Galego de Hóckey Sala Cadete Masculino e Feminino.
En ambas competicións resultou Campión o OurenSticks. No cadro feminino, impoñéndose ao Athletic Coruña. E no masculino, na final ante o Escola Coruña, que resultou subcampión, mentres que o terceiro posto foi para o Cidade de Ourense e o cuarto para o Atlántico H.C.
Así, tanto os rapaces como as rapazas do OurenSticks acadaron a clasificación para a Fase de Sector Nacional que se disputará en Cantabria. E o Escola Coruña masculino para o sector que se disputará en Valencia. Fases nas que os nosos e nosas competirán por unha praza no Campionato de España.
Participaron na entrega de trofeos, o Alcalde de Amoiro, José Luis González, o Concelleiro de Deportes, Brian Diz, o Presidente da Federación Galega de Hóckey, Roberto Baratta, e a Vocal da FGH, Estíbaliz Arrugaeta.
A Federación Galega de Hóckey agradeceu moi especialmente o esforzo do Concello de Amoeiro na remodelación da pista, que sitúa a este polideportivo como un dos mellores para a práctica do Hóckey Sala en Galicia.