O novo Campo de hóckey de Mariñamansa, cada vez máis perto

Tras a aprobación polo Pleno do Concello de Ourense o pasado mes de Agosto da modificación de crédito que permitía asignar ao proxecto de reforma do campo de hóckey de Mariñamansa preto de medio millón de euros, o venres 18 de setembro o Consello Municipal de Deportes aprobou por unanimidade o proxecto de reforma e actualización.

Este proxecto, parte do Plan Impacto federativo e na súa redacción a Federación Galega de Hóckey participou activamente, en colaboración coa empresa proxectista e o propio Servizo Municipal de Deportes. Inclúe a reforma completa da instalación de xogo dotándoa dun tapiz de xogo de nivel internacional, renovación completa do sistema de rego e de iluminación, proteccións perimetrais, reforma completa e ampliación de bancos e zona de xuíces segundo estándares internacionais.

Así como a dotación tecnolóxica que permite a dixitalización e control domótico de toda a instalación, incluíndo cámara de vídeo por control remoto e pantallas de marcador dixital, con sistema de megafonía, entre outras melloras. O proxecto, unha vez licitado, terá tres meses de execución e estímase poida realizarse nos meses de inverno, para que este dispoñible a súa inauguración na segunda volta das competicións.

O obxectivo é que poida acoller a celebración do Campionato de Seleccións Autonómicas Sub14 que organiza a FGH en Ourense no mes de febreiro de 2021. Esta reforma, que será certificada a nivel de Federación Internacional e Federación Española proporcionará aos equipos locais, ao Centro de Tecnificación de Galicia súa sede é esta instalación, e ao hóckey galego en xeral unha instalación de nivel internacional coas máximas comodidades e capacidades para o desenvolvemento do hóckey.

Desde a Federación Galega queremos agradecer ao Servizo Municipal de Deportes o seu total apoio e implicación, e moi especialmente ao Concelleiro de Deportes Mario Guede polo seu interese e esforzo persoal neste proxecto que, de novo, coloca a Ourense á vangarda das instalacións deportivas de máximo nivel. Tanto é así que se espera pechar a visita da Selección Absoluta para realizar as súas concentracións e amigables nun futuro próximo na nosa cidade.